Muñeira

Muñeira
Oleo del pintor Portas Leirado

5 nov. 2010

Logo…pecharei as pálpebras


Deixádeme só con ela,
quero acompañala ata o solpor,
ata que a derradeira area quede seca na súa praia,
ela máis eu acochados por riba do leito dos recordos,
lembrando os capítulos pasaxeiros do pasado.

Sempre fomos cómplices viaxeiros do destino,
ela sabe máis que ninguén o que a pena me causa,
acéptame entre os seus brazos ata que a luz se disípa
e as pálpebras esgotan a súa ración de sal e amargura.

Está no meu pensamento atenta a que non se perda,
nin esvaeza nos recordos da miña mente,
porque ela máis eu coñecemos a historia dos nosos males
e arrolamos o seirón dos nosos soños na intimidade,
deixádeme só con ela, deixádeme só coa miña nostalxia.