Muñeira

Muñeira
Oleo del pintor Portas Leirado

30 dic 2012

O cativo que quería copiar ao tío




Eu quero un café con ghotas
e despois lavala cunca con caña,
coma fai meu tío Xaquín.
 
 Eu quero ir cazar ao monte,
coa escopeta de dous tiros,
coma fai meu tío Xaquín.

Eu quero ir xogar ao fútbol,
ao campo ghrande do concello,
coma fai meu tío Xaquín.

Eu quero ter moitas noivas,
e darme bicos con todas elas,
coma fai meu tío Xaquín.

E dis que cando creza,
terei todo iso e moito moito máis,
coma seguro que ten o meu tío Xaquín.




Imaxe baixada de Google

De onde ven o vento?




Este que brúa na porta do forno,
 
non é o vento do norte, se non o mesmo demo,

que vendo o lume co que imos cocelo pan,

pensa que é un pouco do seu territorio,

así que trae a auga bendita pra espantalo,

que é capaz de torrarnos toda a fornada.


Ese ventiño airado que zoupa no faiado,

éche o do norte que está resentido,

por pecharlle as fiestras e as contras,

vai e ábrellas que non hai rem que poida voar.


O vento que ven do lado do muíño,

é o ar do val que énchenos de orballo,

mañá haberá que recoller o millo e secalo,

denantes de gardalo no cabazo.

15 oct 2012

Outra folla ao ar



Levaba un bo tempo matinando
o que ía facer, era rebelde,
estaba contra o sistema establecido e
quería voar contra corrente,
dicía que non era unha ovella.
Pendurouse outro pouco e
por fin deixouse ir co ar,
ao fin de contas …,
quén quere ser a primeira
en cambialo mundo,
é moi traballoso e …
total non che fan caso
é moita responsabilidade,
é mellor facer coma todas,
que o vento leve a onde queira,
se hai que tirarse ao chan e
nos pisan, que o fagan,
que loiten outros,
estase tan cómodo sen facer nada …,
xa sairemos de esta,
¡é mellor non pensar!



Ilustración copiada de Fotos y dibujos de Internet

28 sept 2012

Xefe de clá





Dixen que te erguería ao ceo e serías aclamada.

Floreciches aquela primavera coma unha rosa,

a túa fama subiu coma un globo de helio

e aínda que ao principio recoñeciches o meu traballo,

mostrándote xenerosa e de bon trato,

logo esqueceche o noso acordo

esquivando o canon e a presenza,

aletargándote nun inverno sen volta, 

houben de facer sitio a outras máis novas,

cumpridoras dos pactos

e tiven que baixarte,

ao mesmo sitio do que saíras.

Comprende que eu vivo disto,

que non me importa quen está enriba ou debaixo,

a todas acomodo e teño o meu prezo,

aviseite de cumprir o noso contrato,

pero ti, na cima da fama,

pensaches que eras poderosa e hábil

para deixarme de lado evitando o pago,

que coma enchías o aforo da sala,

eras independente e non me precisabas,

agora ¿por qué me miras?

o teu tempo rematou.

22 sept 2012

Nómade




Erguese sempre 

co sorriso nos beizos, 

coa luminosidade do novo día.


A súa equipaxe está permanentemente feita e a man,

por se debe cambiar a orientación dos seus pasos.


Non precisa moitos cartos,

nin cargarse de débedas, recordos,

nin obxectos superfluos,

vive o presente,

o futuro sorprendelle e alédao cada mañá.


Os seus ollos son da cor do ceo,

no seu horizonte non hai outra cousa.


Coñece cada palmo da terra pisada

coma cidadán do mundo,

recórreo de punta a punta

sen atopar fronteiras 

e aí é onde vive.


Entendese con todos,

coma todos poden entendelo facilmente,

seus irmáns do norte, 

son coma os do sur aínda que teñan a pel máis clara.