Muñeira

Muñeira
Oleo del pintor Portas Leirado

18 oct 2013

A Exposición


 
Estou no espazo da exposición,
diante de min as imaxes emerxen das paredes,
e un labirinto de cor esboza un arco da vella,
que me leva a cálidos lugares de luces
sen sombras, de cantos sen murmurios,
de sol sen nubes e ceo estrelado na noite.

Vírome e vexo no interior do cadro,
uns pescadores que lanzan as súas redes
por riba do brelo do mar coas súas ondas,
noutro, os edificios da cidade
iluminan as ventás coa vida dos seus ocupantes,
mais alá hai outro que parece mostrar
a danza dos nativos nunha praia.

Todo o conxunto puidera ser o soño
dun caloroso e longo verán,
facendo que o visitante entre
na ilusión do que expón a súa obra.

29 sept 2013

Na procura de parella



No corredor da morte da miña vida afastado de ti,
sinto a friaxe das húmidas paredes dos ollos
cando lembro a túa imaxe e meu maxín móstrame
as diapositivas dos momentos vividos ao teu carón.

Cego entón, coa escuridade da falta de luz, pero
cos sentidos do olfacto e oído en alerta vermella,
 por se tentaras de aproximarte aproveitando a negrura,
concéntrome no ruído que fai o vacío do silencio.

Sen dubida algunha derrámome polo precipicio
da esperanza e empurrado pola fe, creo que podemos
chegar a negociar un acordo de relación asistida de un
coa presenza testemuñal do outro.
Despois de todo coñecémonos non? e facemos boa parella.

7 ago 2013

Ti



As veces es coma a fervenza dun río,
outras, chuvia que encolle a ánima,
as máis o relaxo da miña mente,
nembargante recoñezo …
que nalgunha hora preocúpasme.

Tes …
morna auga da miña boca,
humor ditoso, que me transmites,
a miña pel cosida a túa …
con puntadas de fervente agarimo,
o meu corazón engaiolado pola túa personalidade.

Dime, qué atopas en min
para facer ca túa mirada se pouse
nos meus ollos pescudándoos e conseguindo
que a fogaxe troque  a cor das miñas meixelas?
porqué sometes a miña boca a mudez
vergoñosa do que se sinte observado?
e que acaso gozas retando a miña timidez?
Nada desto impedirá que te ame.

Espértame para almorzar





Non podo darche a lúa,
pero sí achegarte a ela cos meus versos.


Quizais miñas mans non alcancen
a entregarche todo canto mereces,
pero verás nos meus ollos o amor que te teño.


É probable que meus pasos
non vaian na dirección dos teus,
pero meus pés gardarán as túas pegadas.


 Se no camiño nos xuntásemos,
meus brazos arremedarían ás enredadeiras
para apertarse a teu corpo
e os meus beizos procurarían os teus
só para almorzar teus bicos.