Muñeira

Muñeira
Oleo del pintor Portas Leirado

19 feb 2011

Aínda encontro as verbas

Deixei a idade das aventuras,
vivo no ciclo da regresión, da tolerancia,
da aceptación sen condicións
e non quero camiñar pola era do esquecemento.

Fun unha árbore verde de folla caduca,
as miñas ramas sempre imploraban ao ceo,
abrigadas con moitas follas cheas de poemas,
as raíces recibían do entorno as palabras
necesarias para alimentarme.

Agora semiseco polo tempo transcorrido,
busco nas arterias os versos adecuados
que me permitan subsistir
e cruzar as portas das estacións,
a pesares dos outonos que rouban a miña vestimenta.

10 feb 2011

Teño que dicirche adeus

Viches perlar os meus ollos sen inmutarte
tal vez notaches a creba na miña voz,
a emoción contida naquel instante.

Sentín que perdía a vida ao despedirme,
nada será o mesmo sen a túa presenza,
non volverei ter o teu sorriso que xa non será meu,
nin sentirei a túa ledicia enriba da miña pel,
non volverei a querer a ninguén como te quixen a ti,
nin pecharei meus brazos sobre outro corpo,
porque a túa imaxe teño gravada a lume
e xa para sempre estará comigo.

1 feb 2011

Se eu soubera de isto

Se eu soubera de isto,
faría un poema
que quedara na túa memoria,
un poema que ao recordalo,
saberías canto che quero.

Se eu soubera de isto,
pintaría un cadro
coa miña voz e as miñas letras,
para que as cores,
mantivérante alto o ánimo.

Se eu soubera de isto,
unhas caricias debuxaría,
que ao velas as sentiras
por todo o teu corpo e os bicos
navegarían polo ar buscándose.
¡Ai, se eu soubera de isto!

25 ene 2011

Nunha noite coma esta

Tecín estes versos coa auga da acuarela,
son escravos doutros anteriores
que eran froitos de soños espertos,
de promesas baldeiras, de espellos convexos.

O urdido que aquí vou formando,
leva as cores das mentes dos meus compañeiros,
eles tamén agardaron o día de costas ao amencer,
pero como as súas ilusións restadas,
a xeada foi endurecendo as follas caídas.

Escoitamos o doce canto do paxaro,
as notas claras e concisas do seu coidador,
tiñamos asumido que non sempre é primavera,
pero desexabamos gromos novos.

Agora tocarás outra canción para acomodarme,
que soará donda e ao mesmo tempo leda,
que me fará soñar sen me durmir.

Déixame lembrar sen rozarme o corazón,
déixame coa miña saudade.

12 dic 2010

Noite na alma

Non me quedan nin esperanzas,
nin soños, na miña almofada,
so acompáñame ó escuro
onde as veces chega como a penumbra
unha claridade afastada familiar,
coma se na brétema unha feble luz
a cortara en chegando a min
e as pálpebras que ata entón pesaban,
ergueranse e por entre as pestanas
algo de claridade me chegara,
pero o frío...
¡ai, xa non o saco da alma!

5 nov 2010

Logo…pecharei as pálpebras


Deixádeme só con ela,
quero acompañala ata o solpor,
ata que a derradeira area quede seca na súa praia,
ela máis eu acochados por riba do leito dos recordos,
lembrando os capítulos pasaxeiros do pasado.

Sempre fomos cómplices viaxeiros do destino,
ela sabe máis que ninguén o que a pena me causa,
acéptame entre os seus brazos ata que a luz se disípa
e as pálpebras esgotan a súa ración de sal e amargura.

Está no meu pensamento atenta a que non se perda,
nin esvaeza nos recordos da miña mente,
porque ela máis eu coñecemos a historia dos nosos males
e arrolamos o seirón dos nosos soños na intimidade,
deixádeme só con ela, deixádeme só coa miña nostalxia.

1 nov 2010

Porque non son Penélope (aínda que as veces pareza)


Estou cheo de tecer verbas,
buscando quen as comprenda,
de arar versos esperando o froito da sembra,
de esculpir poemas para as mans,
que en véndoas permanezan abertas
e para as retortas mentes
dos non crédulos.

Mais, se cadra se leran crerían,
que os versos flúen libremente,
que se encaixan sos coma nun puzle,
que xa estaban escritos,
antes de aparecer no meu maxín.

Estou farto de zurcir poesía obsoleta,
que por vella xa caducou,
de cambiarlle os versos que riman
por outros que sen iso digan o mesmo,
con igual sentimento.

O sentimento,
tamén hei cambiar o sentimento?
pois non, o sentimento é o mesmo.

30 oct 2010

Ao amor dun perfume

Rosa de traizoeira roseira,
que me fires co teu recendo,
na alma que se namora
desa cor que ti tes.

Os puñais afiados
nas follas verdescentes,
deixan regueiros de sangre
ao querer tentar teu talle
ameigado pola túa beleza.

Quedo prendido no teu ramaxe
seducido de amor afumado.

6 oct 2010

Sabes ti?


Non sei porque te quero,
se te esqueceche das túas promesas,
se non lembras que foi aquelo
do que falamos en tanto tempo.

Non sei porque te quero,
se non me nomeas xa nos teus versos,
dubido e sufro cos teus silencios,
qué é ó que pasa que non te vexo?

Non sei porque te quero,
se nunca estás cando eu pretendo
estar contigo, ter os teus bicos,
mirar os teus ollos aínda que estean lonxe.

Non sei porque te quero,
se nin sequera sei si un alleo
te ten toda, en alma e corpo,
e ao meu todo o enche o medo.

11 ago 2010

Amencer



O vento debuxa música no alto das arbores

envolvendo de po de estrelas o azul,

que baixa en espiral á terra,

coma se nese intre un mago

fixera o seu mellor número de maxia

e bolboretas, paxaros e cores buscan o seu sitio

acomodándose no primeiro andel que atopan.

É a primeira función do estalido do día,

espertando ao verán cheo de xemidos,

de charamuscas, de laios e berros xordos

que van poboando todo o que contén a vista.

Mentres, van chegando recendos do monte,

ábrense as carqueixas sempre xenerosas,

no campo a herba ponse crecha,

e do mar chega o fresquío da resaca

que lambe a costa con amorosos aloumiños.