O vento debuxa música no alto das arbores
envolvendo de po de estrelas o azul,
que baixa en espiral á terra,
coma se nese intre un mago
fixera o seu mellor número de maxia
e bolboretas, paxaros e cores buscan o seu sitio
acomodándose no primeiro andel que atopan.
É a primeira función do estalido do día,
espertando ao verán cheo de xemidos,
de charamuscas, de laios e berros xordos
que van poboando todo o que contén a vista.
Mentres, van chegando recendos do monte,
ábrense as carqueixas sempre xenerosas,
no campo a herba ponse crecha,
e do mar chega o fresquío da resaca
que lambe a costa con amorosos aloumiños.
8 comentarios:
Bela entrada amigo, eu engadolle,
Fermoso éche o cantar
o vento e a mar salgada
entre esa brisa fresca
mais... ondiña enredada.
Un abrazo.
Fantástico amiga mía, gustame o engadido.
Graciñas pola visita e por as túas letras.
Bicos
Gustoume o teu xeito de describir algo tan coitiá coma fermoso.
Un saúdo
Graciñas Concha, benvida polas miñas letras, alédome moito de que che gustara e espero que che siga gustando o que vaia publicando, co leas e comentes.
Bicos
A maxia que recende das túas verbas, envolve, sen calma esta tarde de sol, sen vento, sen mar. Apertiñas sempre.
Graciñas Maribel, por vires ata o meu curruncho e deixarme esas agarimosas palabras, espero que o sol non te queime e que un airiño suave (aínda que sexa nocturno) che refresque, lembrándoche a brisa mariña.
Bicos
Non coñezo o motivo porque esquecín este texto. Síntoo ben porque xa o tiña lido e gustárame tanto como agora que repetín lectura.
Debuxaches con palabras fermosas un mencer calquera.
Moi bonito.
Bicos.
Non te preocupes Ana, eu sei que xa o liches e sempre se chega a tempo de deixar un comentario e eu de agradecercho.
Un acio de bicos pra ti.
Publicar un comentario