Muñeira

Muñeira
Oleo del pintor Portas Leirado

30 oct 2010

Ao amor dun perfume

Rosa de traizoeira roseira,
que me fires co teu recendo,
na alma que se namora
desa cor que ti tes.

Os puñais afiados
nas follas verdescentes,
deixan regueiros de sangre
ao querer tentar teu talle
ameigado pola túa beleza.

Quedo prendido no teu ramaxe
seducido de amor afumado.

6 oct 2010

Sabes ti?


Non sei porque te quero,
se te esqueceche das túas promesas,
se non lembras que foi aquelo
do que falamos en tanto tempo.

Non sei porque te quero,
se non me nomeas xa nos teus versos,
dubido e sufro cos teus silencios,
qué é ó que pasa que non te vexo?

Non sei porque te quero,
se nunca estás cando eu pretendo
estar contigo, ter os teus bicos,
mirar os teus ollos aínda que estean lonxe.

Non sei porque te quero,
se nin sequera sei si un alleo
te ten toda, en alma e corpo,
e ao meu todo o enche o medo.

11 ago 2010

Amencer



O vento debuxa música no alto das arbores

envolvendo de po de estrelas o azul,

que baixa en espiral á terra,

coma se nese intre un mago

fixera o seu mellor número de maxia

e bolboretas, paxaros e cores buscan o seu sitio

acomodándose no primeiro andel que atopan.

É a primeira función do estalido do día,

espertando ao verán cheo de xemidos,

de charamuscas, de laios e berros xordos

que van poboando todo o que contén a vista.

Mentres, van chegando recendos do monte,

ábrense as carqueixas sempre xenerosas,

no campo a herba ponse crecha,

e do mar chega o fresquío da resaca

que lambe a costa con amorosos aloumiños.

9 ago 2010

Quérote muller


Teño que facerche un conto

con verbas moi ben tecidas,

cosidas con fío dental,

para que viaxen xuntas desde que saian da boca.

Es o meu segredo ao descuberto,

o meu pensamento fundamental do día,

a ánima pola que iría ao mesmísimo inferno.

Non quero perder a ledicia das bolboretas

que tes por pestanas.

Non quero quedar sen o roce do teu corpo,

sen o voo das pombas que tes por mans,

sen o recendo desa aura que portas,

sen esa luz que aluma a escena

cando ti estás nela.

7 ago 2010

Doente á beira do mar


Noites de hospital de luz morna, tediosa,
de silente movemento en cada cuarto,
móvense batas brancas,
traxes verdes de respiración enmascarada,
angarellas, cadeiras, camas que foxen
e gaivotas ouleadoras.

A temperatura do corpo eleva
o grao de humidade entre as sabas,
a cabeza esvara pola almofada
buscando o frescor que non existe,
mentres as gaivotas berran defendendo o seu niño.

Os doentes loitan por roubar un sono,
as enfermeiras tentan de atopar un descanso,
xa de madrugada o silencio faise dono de todo
e as gaivotas non paran de chiar.

19 jul 2010

Quen é quen?


Xa non creo na conciencia dos homes,
agora lévase a cabeza rasurada,
para que o ar leve os pensamentos
que non queremos que se nos vexan.

Os das guedellas non as lavan,
para que a suciedade acumulada,
lles bloqueen as ideas e así esquecer a vida.

O que vai ben arranxado sabe que iso só é
unha máscara para enganar á xente,
que na sombra de seu,
é un miserable delincuente.

2 jun 2010

Nin o río fala



Chove onde o río é so pedra
e a palabra auga.
A xente camiña co seu tellado a costas
e a mirada no chan.
Non hai mortos nas rúas,
nin se atopan os amigos.
Quizais o seu silencio que nos acompaña
non é máis que a sombra,
facendo da súa frescura
grava.
Mai,
o pozo está seco,
non queda auga!

5 abr 2010

Me vin obrigado a poñer restricións para acceder aos comentarios, pois hai xente que o pasa ben facendo mal, non tiña outro xeito de atallar aos anónimos, as peticións non deron resultado. Vos pido que comprendades a situación e me desculpedes, o sinto de veras.

1 abr 2010

Razóns para a volta


¡Ven! ¡agora! ¡xa!
esquece aquel momento
cubre de cinza ese día
porque preciso empezar
porque preciso ulirte.

Porque onte sentinte
preto dun lugar esquecido
que naceu dun desexo
que morto estaba, pensei.

Porque preciso pendurarme
do balcón dos teus ollos
e afogarme na corda
da túa desmesurada paixón.


Porque preciso da túa maxia
do maná que venden os teus ollos
porque é mellor recoller a auga do adeus
que deixar que a xeada do esquecemento a conxele.

14 mar 2010

III

Hoxe volvo enriba da túa faciana no recordo,
dous buratiños e unha raia que ameaza cruzalo.
Sinto a morneza da túa ollada
no canto das miñas mans que acariñan o ar.
Hoxe coma sempre agardo a túa aureola,
ese abano de cores que enche a sala,
o pensamento circunscrito no meu cerebro
e que de pronto vexo nos teus beizos,
semellara que tiveras xeito de entrar ao meu maxín,
que porén traizóate con esta herexía,
que sae dos meus dedos coma unha exhalación
que as mans non poden conter.