Muñeira

Muñeira
Oleo del pintor Portas Leirado

25 jun 2014

A sorpresa dun encontro



Sorprendeume verte recostada no peitoril do tempo
sen que este deixara pegada tráxica no teu rostro,

coma se se detivera para admirarte

e adorando o teu perfil non melara esa liña.




O meu encontro contigo onte,

foi coma furgar na despensa da vida

atopando no recordo o cariño durmido,

debullando os días felices vividos entón.



O amencer tróuxonos a dozura do momento

co brinde unísono das caricias,

coa confidencia propia do cómplice

que máis que falar susurra ao oído tenruras.



Mirar os teus ollos foi coma ver anacos de ceo sen nubes,

foi sentir o latexar dunha ánima limpa,

afundirse no pracer do paraíso

concentrado no amor infinito.

18 may 2014

Aldraxe



Son coma unha esponxa tirada na charca onde
se xuntan todos os líquidos que nos sobran aos humanos,

e algún que outro sólido abandonado polo seu fedor,

absorboo todo e así estou de mollada e cheirenta,

levo enriba sangue das mulleres sacrificadas pola relixión,

pola incomprensión, pola marxinación ou pola lei do máis forte.

Levo suor dos homes que se mollaron

moitísimo loitando polos seus dereitos,

pola súa liberdade, ou pola xustiza.

Tamén levo bágoas de mulleres e homes

que verteron polos seus fillos,

polos seus pais ou por algún familiar

morto inxustamente en crimes,

accidentes ou guerras de difícil xustificación.

Ademais estou enzoufada de defecacións dos medrosos

e dalgún óso podre das vítimas esquecidas.

27 abr 2014

Lume de campamento



Coñecina nun campamento de verán,
entabóamos conversa unha noite
que os vagalumes alumeaban as nosas lembranzas,
as de ela estaban nas antípodas das miñas,
pois non sei se por ser estranxeira tiña morriña da súa terra
ou tal vez porque xogando a lanzar a pedra a auga,
eu lembraba a miña nenez contando os votes que daba.

Debín aplacar a súa melancolía cos meus aloumiños
 e ela agradeceumo con seus bicos.
Aquel nacente amor durou tan só tres días máis,
os que tardamos en acabar esas vacacións,
logo tardei moito máis en estiñar as estrías
que aquela estraña había deixado no meu corazón.

Miña terra galega





É a miña terra fértil en tonalidades verdes

que van do máis claro das súas veigas,

ate o máis escuro das súas augas.



Se esvaran estas: as dos ríos e as caídas

das nubes en sarabia, neve ou chuvia,

entre exuberantes montañas, praderías,

hortas e meandros que as levan cara ás rías.



Estas paisaxes déixante sen fala polo fermosos que son

e coa sorpresa retírante o salouco se o tiveras.



Eu animo a deixar o coche e saír andando,

pois a pé percíbese mellor a cor

e os detalles de todos os lugares.