Muñeira

Muñeira
Oleo del pintor Portas Leirado

2 jul 2011

Queixume de violín

Entre algodóns de tristura
e o manancial de dor,
ao fondo debúxase o infinito,
anque os dedos non chegan
a saborear ó horizonte.

Sen embargo qué difícil é levar á existencia
cando xa se deu todo por perdido,
unha sinxela airexa deita un corpo
deixándoo inerte, sen vida.
Tal vez xa non a tiña, antes dese ar.

Non se ve fulgor ao remate do túnel,
quizais non exista esa pasaxe,
o cambiáron de sitio
ou sinxelamente está pechado
por pensamentos absurdos.

So un halo de luz brilla no límite da súa esperanza
e buscase ese limiar do gozo,
cos berros choromicas do violín de fondo
sen ter en conta os farrapos da alma,
nin o maltreito do corpo.

20 may 2011

O xoves día 19 de maio, participei nun recital de homenaxe a Lois Pereiro xunto aos meus compañeiros do grupo Diversos de poesía, aquí poño o cartel anunciador e o poema que recitei.

Poema póstumo (1992-94): Curiosidade


Saber que está un a morte
e o corpo é unha imaxe de batalla,
unha carnicería no cerebro.

Permitirías ti, amor deserto,
que nesta febre penitente abrise
a derradeira porta e a pechase
detrás miña, sonámbulo e impasible,
ou porías o pé
entre ela e o destino?

Novembro, 92

29 mar 2011

Aínda así

Son a noite que persigue a túa estrela,
o raio azul que entrando pola túa fiestra
tenta de durmirte,
a inquietude que aniña na túa mente,
a preocupación de ser así ou non ser
por se a lei non o permite.
Son o que busca o teu sorriso coma se fora
un manancial de auga clara,
o que acaricia o teu soño para que broten
rosas na túa face.
O que quixera ter a calidez da túa alma,
o que desminte ao tempo, cando te miro,
o que te operou de ostracismo.
Son a rotundidade dos teus senos
cando queres que se che note decidida
a dar ese paso adiante.
Iso e moito máis son, con tal de estar ao teu lado.

14 mar 2011

Auga de lúa

No meu paseo noctámbulo busco a orografía do teu corpo,
ao non atopala tento acudir á astroloxía,
por se hai algo nas alturas que poda informarme
e vago coa vista posta no firmamento.

Auga de lúa que en metade da miña noite
golpea o vidro cego da miña memoria,
desvanecendo os meus soños.

Auga de luz que afoga o meu pensamento
suxeitándoo ao cabeceiro da miña cama,
cristal nocturno que se opaca
vulnerado polas sombras.

Auga de lúa que coma se foran as súas bágoas,
caen enriba da miña cara e branquean as charcas,
iluminando a miña mente con recordos
das túas noites molladas.

19 feb 2011

Aínda encontro as verbas

Deixei a idade das aventuras,
vivo no ciclo da regresión, da tolerancia,
da aceptación sen condicións
e non quero camiñar pola era do esquecemento.

Fun unha árbore verde de folla caduca,
as miñas ramas sempre imploraban ao ceo,
abrigadas con moitas follas cheas de poemas,
as raíces recibían do entorno as palabras
necesarias para alimentarme.

Agora semiseco polo tempo transcorrido,
busco nas arterias os versos adecuados
que me permitan subsistir
e cruzar as portas das estacións,
a pesares dos outonos que rouban a miña vestimenta.

10 feb 2011

Teño que dicirche adeus

Viches perlar os meus ollos sen inmutarte
tal vez notaches a creba na miña voz,
a emoción contida naquel instante.

Sentín que perdía a vida ao despedirme,
nada será o mesmo sen a túa presenza,
non volverei ter o teu sorriso que xa non será meu,
nin sentirei a túa ledicia enriba da miña pel,
non volverei a querer a ninguén como te quixen a ti,
nin pecharei meus brazos sobre outro corpo,
porque a túa imaxe teño gravada a lume
e xa para sempre estará comigo.

1 feb 2011

Se eu soubera de isto

Se eu soubera de isto,
faría un poema
que quedara na túa memoria,
un poema que ao recordalo,
saberías canto che quero.

Se eu soubera de isto,
pintaría un cadro
coa miña voz e as miñas letras,
para que as cores,
mantivérante alto o ánimo.

Se eu soubera de isto,
unhas caricias debuxaría,
que ao velas as sentiras
por todo o teu corpo e os bicos
navegarían polo ar buscándose.
¡Ai, se eu soubera de isto!

25 ene 2011

Nunha noite coma esta

Tecín estes versos coa auga da acuarela,
son escravos doutros anteriores
que eran froitos de soños espertos,
de promesas baldeiras, de espellos convexos.

O urdido que aquí vou formando,
leva as cores das mentes dos meus compañeiros,
eles tamén agardaron o día de costas ao amencer,
pero como as súas ilusións restadas,
a xeada foi endurecendo as follas caídas.

Escoitamos o doce canto do paxaro,
as notas claras e concisas do seu coidador,
tiñamos asumido que non sempre é primavera,
pero desexabamos gromos novos.

Agora tocarás outra canción para acomodarme,
que soará donda e ao mesmo tempo leda,
que me fará soñar sen me durmir.

Déixame lembrar sen rozarme o corazón,
déixame coa miña saudade.

12 dic 2010

Noite na alma

Non me quedan nin esperanzas,
nin soños, na miña almofada,
so acompáñame ó escuro
onde as veces chega como a penumbra
unha claridade afastada familiar,
coma se na brétema unha feble luz
a cortara en chegando a min
e as pálpebras que ata entón pesaban,
ergueranse e por entre as pestanas
algo de claridade me chegara,
pero o frío...
¡ai, xa non o saco da alma!

5 nov 2010

Logo…pecharei as pálpebras


Deixádeme só con ela,
quero acompañala ata o solpor,
ata que a derradeira area quede seca na súa praia,
ela máis eu acochados por riba do leito dos recordos,
lembrando os capítulos pasaxeiros do pasado.

Sempre fomos cómplices viaxeiros do destino,
ela sabe máis que ninguén o que a pena me causa,
acéptame entre os seus brazos ata que a luz se disípa
e as pálpebras esgotan a súa ración de sal e amargura.

Está no meu pensamento atenta a que non se perda,
nin esvaeza nos recordos da miña mente,
porque ela máis eu coñecemos a historia dos nosos males
e arrolamos o seirón dos nosos soños na intimidade,
deixádeme só con ela, deixádeme só coa miña nostalxia.