Muñeira

Muñeira
Oleo del pintor Portas Leirado

14 mar 2010

III

Hoxe volvo enriba da túa faciana no recordo,
dous buratiños e unha raia que ameaza cruzalo.
Sinto a morneza da túa ollada
no canto das miñas mans que acariñan o ar.
Hoxe coma sempre agardo a túa aureola,
ese abano de cores que enche a sala,
o pensamento circunscrito no meu cerebro
e que de pronto vexo nos teus beizos,
semellara que tiveras xeito de entrar ao meu maxín,
que porén traizóate con esta herexía,
que sae dos meus dedos coma unha exhalación
que as mans non poden conter.

11 mar 2010

II

Camiñarei cos pes espidos,
encol do limiar do teu encontro,
non as sentir a miña pegada engaiolándote.
Chegarei ao teu leito no silencio agardado,
coma un sono de cotío,
coma un desexo que berrará certezas.
Chegarei e abraiarei a nudez dos teus cumes,
o paso ao teu orto, á fonte do teu zume.
Chegarei, tan só chegarei,
e deixarás estoupar as túas ondas na rompente do meu corpo.

10 mar 2010

I


Na túa ausencia non creo. Respírote,
gorento a túa esencia que gardo na miña caixa forte,
só a saco nestas ocasións,
cando te voto a faltar,
así énchome de ti e sobrepóñome.
Tamén mírome no espello,
para verte impresa na miña retina,
tan viva, que ata falo contigo
e non fai falta que respondas,
xa o fago eu por ti

18 feb 2010

Vou na procura…

Foi unha inutilidade agardar que os teus ollos,
se asomaran á beira dos meus,
tamén o foi trazar regos
para que o caudal da túa ledicia
fluíra cara a min por eles,
que as palmas das miñas mans,
limparan de espiñas o teu camiño,
para que os teus pés non sufriran
e puideran encamiñarte ao meu.

Pero, nada é inútil se decides voar
por ser a viaxe máis rápida,
ou se acordas vir polo mar
do noso destino.

Nada ía ser máis pracenteiro,
que atoparte de calquera xeito.

3 feb 2010

De outro xeito


Voas miña pomba sen a túa rama de oliva,
describindo no ceo xeroglíficos inexplicables,
trazando no ar versos coñecidos,
chea de razón ergues o teu pico
coa seguridade que che da o entendemento
do xa escrito, do antigo.

Pero aquí abaixo, no chan,
onde a terra é lodo e nos os seus fillos,
non nos valen as verbas que sempre din o mesmo,
facemos do limo barro e de este un botixo,
pintamos con acuarelas de cores debaídos,
creando un cadro novo que diga …
o que non digo.

14 dic 2009

Atento (Dedicado a mi amigo Antonio)

Non busco atopar a túa présa por acubillarme no teu regazo,

tampouco acercarme a ti polo recendo,

tan só quero escoitar a túa fala,

oír como recitas o teu poema,

como enfías verso con verso,

como debuxas no ar

as verbas que flúen francas e sinxelas,

como chegan ao meu oído atento,

cantareiras,

coma no nacemento dun regato,

e como ao final

sempre sorprendes con un xiro inesperado

que nos colga o sorriso na faciana.

1 dic 2009

Chega a invernía



O inverno empurra ao outono,
para que lle deixe o seu sitio.
A esponxa verde luce unha capa de múltiples cores,
coma unha colaxe de natureza queda,
que as árbores tributan ao ano.
E as nubes debuxan finísimas gotas perladas ás veces,
coma xogando a ser neve.
Os poucos paxaros que quedan,
van amortallando os seus trinos,
para colocalos na embalaxe do silencio.
A noite pecha as persianas,
para ocupar máis espazo
e a tímida lúa a penas é quen de amosarse,
nalgunha regaña entre os cúmulos e nimbos,
todo arrola cara ao letargo dos soños.

23 nov 2009

Samaritana obrigada


Xunto a vós sinto chorar ao tenro infante,

á quen un día xa distante eu arrolei,

non é o mesmo que aquel dos tempos da ledicia,

que co seu sorriso iluminaba a nosa pel,

agora torna sumido nun catre,

envellecido polos vicios modernos,

que mandaron ao seu pai cara ao alivio,

e teñen desfeita a tecedora dos seus días.

Hoxe a metadona manteno calmo,

dis que mellorou moito…

mais compre dicir que é súa nai quen o mellora,

día tras día con ese amor que so ela lle pode dar.

2 nov 2009

Vidros escachados


Quen non tisnou de amargura
algún día o seu traveseiro,
quen non verteu vidro escoitando
unha cantiga, que lle recordara
o cárcere do seu corazón.

Quen cre no amor aínda,
quen non confunde a súa calor,
quen pensando que era amado,
seguiu ata o final na porfía.

Quen non soñou con ese feliz día
sen pasar por isto ningunha dor,
quen créndose xa na gloria,
aos infernos non caeu,
quen?

26 oct 2009

Urdindo contos


Es ese ar morno que bate na miña xanela,
esa raiola que refulxe no escuro da miña vida,
un oasis perdido neste deserto atopado,
unha canción sen eco no devalo da lúa.

Es o xerme da ledicia rebulindo para saír fóra,
a opción irresistible de seguir vivo, máis vivo,
a menciña curandeira da soidade balorecida,
a única solución para un proxecto de futuro.

E con todo, arrolo soños de metamorfose,
elucubro encontros audaces e transitorios,
matino viaxes tridimensionais no encoro dos afectos,
ou trato de urdir unha novela onde eu son o heroe
e ti, miña dona, a moza a quen salvo do xigante.