Muñeira

Muñeira
Oleo del pintor Portas Leirado

22 oct 2009

Gozosa tarde


Aquela tarde ditosa,
de primavera coutada,
cando por fin os nosos corpos,
de puro goce se unían,
como aquela tarde non houbo,
tan xubilosa na miña vida.
Collímonos da man,
coa respiración sostida,
amándonos ao momento,
como fixeramos sempre,
miña querida, miña adorada mulleriña.

28 sept 2009

Espertando


Hoxe á fin desfíxenme das cadeas,
que ataban os meus miolos,
ancorándoos no escuro.
Hoxe liberei ese peso que obrigaba á cabeza,
a andar baixa e chea de dúbidas.
Unha pinga de luz alumeou o meu cerne,
amosándome cores esquecidas,
enchendo de claridade o baleiro.
O sol fíxose o meu amigo
e puiden ver o verde dos prados
e das follas das árbores,
a beleza das margaridas
e de tantas cousas que facía tanto tempo non vía.
Coa cabeza erguida e ollando ao redor,
comezo a valorar máis,
aquilo que podo tocar coas xemas dos dedos.

26 sept 2009

Consellos


Tempera xa o teu orgullo,
esquece a obriga pasada,
pensa que a auga escorrida,
non engaiola a fiada.
E se foi o que xa foi,
iso xa non ten arranxo,
deixa o po fuxir no ar,
encoméndate a teu anxo.
Dis que foi un mal soño,
o que aí aconteceu,
palabras mal entendidas,
nada diso che sei eu.
Se con isto que che digo,
non se ergue ó teu ego,
vai pensando noutra cura,
quizais non teñas sosego.
Porque quen a fai a paga,
moito antes ou máis cedo,
coa conciencia tranquila,
ti non tes por que ter medo.

21 sept 2009

Onde vai

Quizais ti foras feliz sen unha man,
¿e sen un brazo, tamén serías feliz?
¿e sen corazón, serías feliz sen corazón?
eu non son feliz e sinto que me falta,
que perdín meu corazón polo camiño
e xa non podo vivir sen il,
tal vez son un estúpido que perde o máis prezado,
seguramente non mereza vivir por insensato,
por non saber gardar o máis necesario para a vida,
xa sei que hai máquinas que funcionan coma tales,
que pódenche colocar o dun finado,
pero e o meu, ¿onde vai o meu?
xa nunca porei ser feliz sen o meu corazón.

4 ago 2009

A miña dona


Dona dos meus ollos, muller sen tristeza,
muller que acolles os meus outos soños,
que lles das franqueza, de tecido xeito
posme dunha peza deixándome tolo,
énchesme a cabeza de amores sen conto,
de tenras promesas, que lle fago ao ceo,
para cando te vexa, entregarche todo.

Dona da mirada máis febre e tenra,
que a calquera home deixara abraiado,
con esa limpeza de olladas ganduxadas,
en certos momentos que fítate a miña alma,
coa paixón en xermolo e a arela avanzada,
non sei como me conteño, non sei como fago,
agacho as orellas e gardo o meu rabo.

29 jul 2009

Dona Ledicia

Do
na
Le
di
cia
Hoxe a túa aura alumea máis co día,
hoxe sinto a quentura da túa pel
baixo desa roupa que levas posta,
e os aloumiños que me das,
fenden as miñas venas
florecéndome nos beizos
bicos de cores.
Dime mimosa qué tes,
se precisas
máis cariño,
ou é que hoxe,
o día tráete
recordos vivos,
pois asemella
que estás melosa e o teu sorriso
agarimoso chégate de orella a orella,
da gusto verte así tan doce e tan coqueta.

25 jul 2009

Cándo?


Brincabas á miña beira co teu sorriso,
bulías levando cousas de acá para alá,
mentres eu te ollaba apaixoado
e ti dicíasme ¡agora xa!

Logo á tardiña xuntouse xente,
a todos ti atendías sen descansar,
mentres eu vixiaba o teu traballo
e ti dicíasme ¡agora xa!

Chegou a noite escura marcharon todos,
recollías e limpabas ate o chan,
mentres eu te fitaba desesperado
e ti dicíasme ¡agora xa!

Pero ao chegar á cama dis que non podes,
que estás moi cansa e non dás máis,
mentres eu que non miro porque non vexo,
durmome soñando ¡agora xa!

2 jul 2009

Sen ti


Vivo cego de min
triste amargura,
de non verte preto,
como quixera,
e rexeito a tolemia de esquecerte,
pola esperanza de terte todos os días.
¡Ai, feliz aquel que en todo instante,
a túa imaxe ten na súa procura!
¡como envexo eu a quen contempla,
a túa adorada galanura!
Se estiveses aquí, a miña beira,
en constante cruce de miradas,
con esa luz que irradia o teu sorriso,
non habería ninguén que me atopara.

16 jun 2009

Coa complicidade da Lúa

Volvín a faciana cara a flor do ceo
cando estaba á procura do teu corpo,
e pareceume ver nela un aceno de complicidade
cando pousei a man na túa nádega,
escondéndose logo tras unha nube
ao poñerche o meu bico no teu beixo nacente,
e puiden ver o seu sorriso
ao asomar de novo triunfante.
Bruou entón o vento,
e un Cúmulo, ameazou botarse enriba,
saltaches coma un resorte pedindo acubillo,
e dincho na paz do meu dormitorio.

26 may 2009

Vaiamos xuntos


Ven, achégate a min,
teño un oquiño escolleito para ti
na miña nave espacial.
Seica ti queres atopar a Cruz do Sur,
buscarémola xuntos e poderemos
ser felices coa súa luz.

Quizais o sideroespacio nos teña reservados
miles de encontros máxicos,
millóns de momentos extraordinarios,
polo noso mundo estrelado.
Camiñemos con paso ledo,
rompendo moldes de dúbida e medo.

Ven, xúntate a min,
poderemos disfrutar das galaxias
que se achegan aos nosos ollos confesos,
esa pirotecnia divina que festexa
o noso ceo,
esas candeíñas que queren adiviñar,
os pensamentos sentidos.

Ven, xa é hora de partir,
salvando as barreiras
que tratan de afastarnos cos silencios,
fagamos desta viaxe un camiño
cara ao infinito xa eterno,
unha canle sen fin polo noso cosmos.