Muñeira

Muñeira
Oleo del pintor Portas Leirado

20 mar 2014

O meu desfibrilador



Teño que pedirche perdón meu amor máis feiticeiro,
porque este meu corazón éche un pouco mentireiro,
desde que lle implantaron nova enerxía, non o controlo
é el quen di a quen quere e cando latexa máis ou menos,
éche el o que empurra ao corpo para darlle un bico as mulleres,
e nas apertas, nas apertas acelérase e fai inchar o peito.

Sabes que cando vou contigo mándalle á cabeza que xire
para mirar ás rapazas que pasan, eu só quero verte a ti
miña xoia! pero é el quen puxa aos músculos e vírame os ollos,
este trebello calquera día dános un disgusto!
porque ti pensas que son eu quen bole, quen mira,
quen lle chusca o ollo ás mozas e non é así miña raíña!
É o músculo este que co marcapasos marca o que se lle antolla,
non o podo suxeitar e fai todo canto quer, eu súfroo.

19 feb 2014

Macondo viaxe de soños


 
Non me decatei da túa idade nas tibias mañás dos sábados,
cando lentamente removía o café para non desfacer o corazón
que con xenerosa mestría compuxérame Sandra na crema.

Aínda que vin a túa antigüidade no piso denriba,
nin se me había ocorrido pensar que os bares tamén cumpren anos,
certamente estás coma sempre e non se che nota o paso do tempo,
tal vez Ángel  envorca o seu cariño en ti para que teñas boa presenza.

Sabes? sempre sentín unha gran admiración
polo ben que expós os traballos artísticos de fotógrafos e pintores,
sen dúbida non hai sala mellor relacionada coa natureza e a arte.
Oh! non esquezo que tamén das cabida a outras formas de cultura e
xa vin como buscan un rincón iluminado para ler un libro
ou para ollar o periódico mentres toman algo.
É ben certo que nas túas paredes converxen fermosas mostras
que as ilustran en diversos estilos
e síntome enriquecido cando te visito e formo parte do teu contido.

10 feb 2014

Miña dona

Coñecina por casualidade,
contámonos cousas da nosa vida,
simpatizamos e sen saber cómo
pasou a ser a nai dos meus bicos,
meu cariño azul sen nubes,
o eixo da miña mente,
meus soños de noctámbulo,
 obxetivo das miñas mans.

As súas apertas deixan recendo
de “No me olvides”…
converténdoas en costume.

É a musa do meu poema,
dona do meu fogar,
amante na miña cama,
a enfermeira na compaña,

e sempre meu amor, miña ama.

13 ene 2014

A dor do voto



Ti tamén crías na presunta inocencia
deses homes noxentos que nos gobernan,
e o sangue batíache no cerebro.
Cerrabas a man nun puño
co que petabas no peito unha e outra vez
e cando xa che doía o brazo de tanto o mover,
aliviábache a dor da cabeza e unha voz
de remordemento dicía …
¡NUNCA MAIS! ¡NUNCA MAIS!

1 ene 2014

Téñote presente

Na raia do esquecemento,
aínda esculco o tempo no que me acariñabas.
Se pecho os ollos,
aínda podo verte e sentirte andar pola casa.
Nalgún momento cando como,
paréceme atopar na miña boca,
o sabor das comidas que me facías.
As veces, esperto pola noite e estendo a man
pensando que estás comigo na cama,
outras soño contigo pillándome desprevido.
Ata cando me equivoco nalgunha cousa,
paréceme escoitarte rifar comigo.


¡Non sabes canto te noto a faltar!

20 nov 2013

Non quero beixos



Non quero beixos
que me deixen pegadas de hipocresía na pel,
non quero lavar a cara a cada lume deses beizos.
Quero bicos de agarimo,
coma os que dan os meniños que deixan a cor na meixela,
que deixan humidade nos ollos,
quero bicos das persoas que me queren,
que na súa aperta poñen a calor do corazón.