Muñeira

Muñeira
Oleo del pintor Portas Leirado

7 ago 2010

Doente á beira do mar


Noites de hospital de luz morna, tediosa,
de silente movemento en cada cuarto,
móvense batas brancas,
traxes verdes de respiración enmascarada,
angarellas, cadeiras, camas que foxen
e gaivotas ouleadoras.

A temperatura do corpo eleva
o grao de humidade entre as sabas,
a cabeza esvara pola almofada
buscando o frescor que non existe,
mentres as gaivotas berran defendendo o seu niño.

Os doentes loitan por roubar un sono,
as enfermeiras tentan de atopar un descanso,
xa de madrugada o silencio faise dono de todo
e as gaivotas non paran de chiar.

19 jul 2010

Quen é quen?


Xa non creo na conciencia dos homes,
agora lévase a cabeza rasurada,
para que o ar leve os pensamentos
que non queremos que se nos vexan.

Os das guedellas non as lavan,
para que a suciedade acumulada,
lles bloqueen as ideas e así esquecer a vida.

O que vai ben arranxado sabe que iso só é
unha máscara para enganar á xente,
que na sombra de seu,
é un miserable delincuente.

2 jun 2010

Nin o río fala



Chove onde o río é so pedra
e a palabra auga.
A xente camiña co seu tellado a costas
e a mirada no chan.
Non hai mortos nas rúas,
nin se atopan os amigos.
Quizais o seu silencio que nos acompaña
non é máis que a sombra,
facendo da súa frescura
grava.
Mai,
o pozo está seco,
non queda auga!

5 abr 2010

Me vin obrigado a poñer restricións para acceder aos comentarios, pois hai xente que o pasa ben facendo mal, non tiña outro xeito de atallar aos anónimos, as peticións non deron resultado. Vos pido que comprendades a situación e me desculpedes, o sinto de veras.

1 abr 2010

Razóns para a volta


¡Ven! ¡agora! ¡xa!
esquece aquel momento
cubre de cinza ese día
porque preciso empezar
porque preciso ulirte.

Porque onte sentinte
preto dun lugar esquecido
que naceu dun desexo
que morto estaba, pensei.

Porque preciso pendurarme
do balcón dos teus ollos
e afogarme na corda
da túa desmesurada paixón.


Porque preciso da túa maxia
do maná que venden os teus ollos
porque é mellor recoller a auga do adeus
que deixar que a xeada do esquecemento a conxele.

14 mar 2010

III

Hoxe volvo enriba da túa faciana no recordo,
dous buratiños e unha raia que ameaza cruzalo.
Sinto a morneza da túa ollada
no canto das miñas mans que acariñan o ar.
Hoxe coma sempre agardo a túa aureola,
ese abano de cores que enche a sala,
o pensamento circunscrito no meu cerebro
e que de pronto vexo nos teus beizos,
semellara que tiveras xeito de entrar ao meu maxín,
que porén traizóate con esta herexía,
que sae dos meus dedos coma unha exhalación
que as mans non poden conter.

11 mar 2010

II

Camiñarei cos pes espidos,
encol do limiar do teu encontro,
non as sentir a miña pegada engaiolándote.
Chegarei ao teu leito no silencio agardado,
coma un sono de cotío,
coma un desexo que berrará certezas.
Chegarei e abraiarei a nudez dos teus cumes,
o paso ao teu orto, á fonte do teu zume.
Chegarei, tan só chegarei,
e deixarás estoupar as túas ondas na rompente do meu corpo.

10 mar 2010

I


Na túa ausencia non creo. Respírote,
gorento a túa esencia que gardo na miña caixa forte,
só a saco nestas ocasións,
cando te voto a faltar,
así énchome de ti e sobrepóñome.
Tamén mírome no espello,
para verte impresa na miña retina,
tan viva, que ata falo contigo
e non fai falta que respondas,
xa o fago eu por ti

18 feb 2010

Vou na procura…

Foi unha inutilidade agardar que os teus ollos,
se asomaran á beira dos meus,
tamén o foi trazar regos
para que o caudal da túa ledicia
fluíra cara a min por eles,
que as palmas das miñas mans,
limparan de espiñas o teu camiño,
para que os teus pés non sufriran
e puideran encamiñarte ao meu.

Pero, nada é inútil se decides voar
por ser a viaxe máis rápida,
ou se acordas vir polo mar
do noso destino.

Nada ía ser máis pracenteiro,
que atoparte de calquera xeito.

3 feb 2010

De outro xeito


Voas miña pomba sen a túa rama de oliva,
describindo no ceo xeroglíficos inexplicables,
trazando no ar versos coñecidos,
chea de razón ergues o teu pico
coa seguridade que che da o entendemento
do xa escrito, do antigo.

Pero aquí abaixo, no chan,
onde a terra é lodo e nos os seus fillos,
non nos valen as verbas que sempre din o mesmo,
facemos do limo barro e de este un botixo,
pintamos con acuarelas de cores debaídos,
creando un cadro novo que diga …
o que non digo.