Muñeira

Muñeira
Oleo del pintor Portas Leirado

1 dic 2009

Chega a invernía



O inverno empurra ao outono,
para que lle deixe o seu sitio.
A esponxa verde luce unha capa de múltiples cores,
coma unha colaxe de natureza queda,
que as árbores tributan ao ano.
E as nubes debuxan finísimas gotas perladas ás veces,
coma xogando a ser neve.
Os poucos paxaros que quedan,
van amortallando os seus trinos,
para colocalos na embalaxe do silencio.
A noite pecha as persianas,
para ocupar máis espazo
e a tímida lúa a penas é quen de amosarse,
nalgunha regaña entre os cúmulos e nimbos,
todo arrola cara ao letargo dos soños.

23 nov 2009

Samaritana obrigada


Xunto a vós sinto chorar ao tenro infante,

á quen un día xa distante eu arrolei,

non é o mesmo que aquel dos tempos da ledicia,

que co seu sorriso iluminaba a nosa pel,

agora torna sumido nun catre,

envellecido polos vicios modernos,

que mandaron ao seu pai cara ao alivio,

e teñen desfeita a tecedora dos seus días.

Hoxe a metadona manteno calmo,

dis que mellorou moito…

mais compre dicir que é súa nai quen o mellora,

día tras día con ese amor que so ela lle pode dar.

2 nov 2009

Vidros escachados


Quen non tisnou de amargura
algún día o seu traveseiro,
quen non verteu vidro escoitando
unha cantiga, que lle recordara
o cárcere do seu corazón.

Quen cre no amor aínda,
quen non confunde a súa calor,
quen pensando que era amado,
seguiu ata o final na porfía.

Quen non soñou con ese feliz día
sen pasar por isto ningunha dor,
quen créndose xa na gloria,
aos infernos non caeu,
quen?

26 oct 2009

Urdindo contos


Es ese ar morno que bate na miña xanela,
esa raiola que refulxe no escuro da miña vida,
un oasis perdido neste deserto atopado,
unha canción sen eco no devalo da lúa.

Es o xerme da ledicia rebulindo para saír fóra,
a opción irresistible de seguir vivo, máis vivo,
a menciña curandeira da soidade balorecida,
a única solución para un proxecto de futuro.

E con todo, arrolo soños de metamorfose,
elucubro encontros audaces e transitorios,
matino viaxes tridimensionais no encoro dos afectos,
ou trato de urdir unha novela onde eu son o heroe
e ti, miña dona, a moza a quen salvo do xigante.

22 oct 2009

Gozosa tarde


Aquela tarde ditosa,
de primavera coutada,
cando por fin os nosos corpos,
de puro goce se unían,
como aquela tarde non houbo,
tan xubilosa na miña vida.
Collímonos da man,
coa respiración sostida,
amándonos ao momento,
como fixeramos sempre,
miña querida, miña adorada mulleriña.

28 sept 2009

Espertando


Hoxe á fin desfíxenme das cadeas,
que ataban os meus miolos,
ancorándoos no escuro.
Hoxe liberei ese peso que obrigaba á cabeza,
a andar baixa e chea de dúbidas.
Unha pinga de luz alumeou o meu cerne,
amosándome cores esquecidas,
enchendo de claridade o baleiro.
O sol fíxose o meu amigo
e puiden ver o verde dos prados
e das follas das árbores,
a beleza das margaridas
e de tantas cousas que facía tanto tempo non vía.
Coa cabeza erguida e ollando ao redor,
comezo a valorar máis,
aquilo que podo tocar coas xemas dos dedos.

26 sept 2009

Consellos


Tempera xa o teu orgullo,
esquece a obriga pasada,
pensa que a auga escorrida,
non engaiola a fiada.
E se foi o que xa foi,
iso xa non ten arranxo,
deixa o po fuxir no ar,
encoméndate a teu anxo.
Dis que foi un mal soño,
o que aí aconteceu,
palabras mal entendidas,
nada diso che sei eu.
Se con isto que che digo,
non se ergue ó teu ego,
vai pensando noutra cura,
quizais non teñas sosego.
Porque quen a fai a paga,
moito antes ou máis cedo,
coa conciencia tranquila,
ti non tes por que ter medo.

21 sept 2009

Onde vai

Quizais ti foras feliz sen unha man,
¿e sen un brazo, tamén serías feliz?
¿e sen corazón, serías feliz sen corazón?
eu non son feliz e sinto que me falta,
que perdín meu corazón polo camiño
e xa non podo vivir sen il,
tal vez son un estúpido que perde o máis prezado,
seguramente non mereza vivir por insensato,
por non saber gardar o máis necesario para a vida,
xa sei que hai máquinas que funcionan coma tales,
que pódenche colocar o dun finado,
pero e o meu, ¿onde vai o meu?
xa nunca porei ser feliz sen o meu corazón.

4 ago 2009

A miña dona


Dona dos meus ollos, muller sen tristeza,
muller que acolles os meus outos soños,
que lles das franqueza, de tecido xeito
posme dunha peza deixándome tolo,
énchesme a cabeza de amores sen conto,
de tenras promesas, que lle fago ao ceo,
para cando te vexa, entregarche todo.

Dona da mirada máis febre e tenra,
que a calquera home deixara abraiado,
con esa limpeza de olladas ganduxadas,
en certos momentos que fítate a miña alma,
coa paixón en xermolo e a arela avanzada,
non sei como me conteño, non sei como fago,
agacho as orellas e gardo o meu rabo.

29 jul 2009

Dona Ledicia

Do
na
Le
di
cia
Hoxe a túa aura alumea máis co día,
hoxe sinto a quentura da túa pel
baixo desa roupa que levas posta,
e os aloumiños que me das,
fenden as miñas venas
florecéndome nos beizos
bicos de cores.
Dime mimosa qué tes,
se precisas
máis cariño,
ou é que hoxe,
o día tráete
recordos vivos,
pois asemella
que estás melosa e o teu sorriso
agarimoso chégate de orella a orella,
da gusto verte así tan doce e tan coqueta.